miércoles, 27 de agosto de 2008

Visita a Asunción Antelo


O luns, 25 de agosto, a iso das dez e media algúns membros das Xuventudes Socialistas de Carballo e Coristanco fomos visita-la Casa Museo de Asunción Antelo, en Segufe no concello de Coristanco.
Asunción é unha muller de esquerdas, algo que se percibe vendo o seu traballo, unha muller culta que escribiu xa dous libros: Páxinas da Rexubeira de Bergantiños e As penurias dun amor e que é coñecida como a Rexubeira de Bergantiños
Como sempre recibiunos cos brazos abertos e ata tivemos a sorte de beber da auga da súa fonte e tamén nos agasallou con un dos seus libros; puidemos ver a súa incrible e extensa obra entre a que destaca unha silla, feita cunha cepa de carballo, onde se pode ve-la insignia socialista, a casa de Rosalía de Castro. Outra obra curiosa e o Bim Ladem que está escondido detrás dunhas montañas. Pero inda que unhas obras destaquen un pouco máis é imposible elixir unha delas porque todas son verdadeiras marabillas.
É unha pena que non poida ter un museo onde ter a súa obra exposta en boas condicións porque puidemos observar que algunhas das súas pezas, ó ser de madeira, estanse apolillando, e se non se lle dá un bo tratado co tempo pódense estragar.
Desde a nosa agrupación intentaremos conseguir unha subvención para que o día que ela falte a súa obra poida estar ben exposta e conservada nun museo maís amplo.
O máis normal sería que unha iniciativa como esta partira do señor alcalde pois sería unha forma máis de incentivar o turismo no noso concello pero parece ser que lle molesta un pouco que non comparta a súa ideoloxía e daquela ignóraa totalmente.
Para rematar queríamos darlle as grazas a Asunción e a súa familia por tratarnos tan ben na nosa visita.

lunes, 4 de agosto de 2008

A política

Política... Unha palabra esdrúxula utilizada en case tódalas conversacións que se entablan con calquera persoa, sexa coñecida ou non, pero que moi poucas entenden o seu verdadeiro significado. Etimoloxicamente, a política deriva do grego da palabra "Politeia", que así era como os gregos chamaban á "Teoría das Polis" (cidades). Ténse que ter en conta, tamén, que o prefixo "poli-" indica pluralidade (a política concérnenos a todos). Así que, atendendo á súa etimoloxía, a política é o sistema gubernamental de calquera núcleo de población con certa organización (que nunca falte a presencia do Poder, exercitada sempre por un número reducido de persoas dun determinado grupo social).
Historicamente, a política ten a súa orixe nos gregos (polo menos a europea). A verdade é que moitos dos sistemas gubernamentais europeos funcionan segundo os seus pensamentos e ideas, moi avanzados para a súa época.
O espectro político dos nosos días divídese principalmente en dúas correntes: a Esquerda e a Dereita. Os térmos de "Esquerda" e "Dereita" aparecen no parlamento francés creado trála Revolución Francesa. Os conservadores e monárquicos da época sentábanse no lado dereito e os liberais, no esquerdo. Así que por iso chamámonos uns ós outros "de esquerdas" e "de dereitas".
Deixando de lado a historia, achegámonos ó presente. A política hoxe en día está ata no último rincón da nosa vida: na nosa educación, no noso hospital, no supermercado, no ximnasio... En todas partes. Moitos dicimos que a política non nos interesa, pero sen ela non seríamos quen somos e, ademais, os que facemos que a política sexa algo real somos nós mesmos con cada un dos nosos pensamentos, con cada un dos nosos ideais, con cada reivindicación. Ademais é un rasgo que nos define como persoas, que nos clasifica, que nos agrupa, e na miña opinión, é un factor importante no que coincidir para facer amigos. Se non se pensa o mesmo, se non se cre nun mesmo ideal, ten que ser difícil poder entablar unha amizade sen encontronazos ou enfrontamentos.
Para rematar esta renovación, só dicir que como xuventude que somos, como partidarios do PSOE e como cidadáns dun país democrático, loitamos, queixámonos, reivindicamos, defendendo sempre os nosos ideais. Desexamos igualdade, tolerancia... A nosa participación, a de todos, é indispensable para mellorar o mundo no que vivimos e no que morremos. Todos vivimos nel, todos queremos estar ben e ter todo o que necesitamos (e mesmo o que non, o que simplemente queremos). Como cidadáns dun país, é o noso deber defender as nosas crenzas, os nosos desexos máis profundos para o pobo.